Monday 29 de April de 2024

12 establecementos participan no XIII Concurso de Tapas de Fene


O certame desenvolverase os venres, sábados e domingos entre o 5 e o 21 de maio

Fene converterase durante as tres primeiras fins de semana de maio na capital dos sabores da comarca. E é que os venres, sábados e domingos entre o 5 e o 21 de maio vai desenvolverse a 13ª edición do concurso de petiscos no que este ano se inscribiron un total de 12 establecementos hostaleiros do municipio. Hai dúas categorías: tapa creativa, con catro locais inscritos, e tapa tradicional, coa que se presentan os oito establecementos restantes. Todas elas preparadas con mimo e con produto da máxima calidade procedente do mar e a terra que nalgúns casos se combinan para abraiar os padais máis exquisitos. Tanto os establecementos como o público optarán a unha chea de premios tamén apetitosos.

No apartado máis creativo e innovador están inscritos o CCRD Perlío con champiñóns recheos ao roquefort, a cafetaría Lembranza cunha proposta titulada “Lauritaki!!”, o Galicuba cunha brocheta que leva o nome do local e o Café dos Segredos co seu “Segredo de mar”.

Por outra banda, en canto a tapas tradicionais, o concurso depáranos “Un domingo na feira” do Arrecendo, o “Pontepicón” do bar A Ponte, unha tosta de lacón con grelos cuberta de queixo de San Simón preparada polo bar O Centro (agás o día 13, que estará pechado), as carrilleiras con salsa que ofrecerá a cafetaría Bombay, as koftas de carne picada de tenreira acompañadas con salsa de La Casa de la Abuela (menos os días 19, 20 e 21), as tostas de gulas con queixo de Arzúa de La Parada, o “Mersón da costa” do mesón o Son de Cociña (pechado o día 14) e, por último, o “Pito Gorgorito á laranxa” que servirá o Pachamama.

O certame de tapas desenvolverase nas fins de semana do 5 ao 21 de maio, con horarios mínimos en que se servirán os petiscos, ampliables polos establecementos. Así, deberán estar dispoñibles para degustación ao prezo único de 1,5€ os venres de 20:00 a 22:30h, os sábados de 13:00 a 15:00h e de 20:00 a 22:30h e os domingos de 13:00 a 15:00h.

“Fenerruta” para completar o itinerario e levar múltiples premios
Nos establecementos participantes poderán obterse a Fenerruta, que vén sendo unha especie de pasaporte que se irá selando a medida que se vaia facendo, ao xeito que se queira e cando se queira, o percorrido de degustación de cada tapa. Completar a Fenerruta permitirá entrar no sorteo dunha chea de agasallos, entre eles unha viaxe de tres días en réxime de aloxamento e almorzo ou 9 vales de 100 euros cada un, canxeables nos negocios hostaleiros integrados na Asociación comercial O Cruceiro.

A Fenerruta tamén será o medio de votación para outorgar o premio á Tapa Popular Creativa e á Tapa Popular Tradicional, mentres que un xurado especializado -que tamén percorrerá os locais- decidirá os primeiros e segundos premios no apartado Tapa Creativa e Tapa Tradicional, valorando para iso aspectos como os ingredientes empregados, a elaboración, a creatividade, o sabor, a presentación e o concepto. Os petiscos que queden en primeiro e segundo lugar en cada apartado levarán cadanseu trofeo. As tapas ganadoras levarán, ademais, un cofre VIP de experiencias á carta.

Na concesión dos premios colaboran Estrella Galicia, Ecolimpauto, a Asociación de Comercio, Hostalaría e Servizos O Cruceiro, Electro Agro, Bodegas Barral, a Escola de música Bellón-Maceiras, a Imprenta San Esteban, Organiza Turismo y Eventos, Zafiro Tours Fene e a Escola de cociña Icook.

O XIII Concurso de Tapas de Fene está organizado pola Concellaría de Promoción Económica e Turismo, co obxectivo de dinamizar o tecido hostaleiro local e poñer en valor a calidade tanto da súa cociña como da atención que ofrece, ademais de propor unha experiencia alternativa de lecer durante as tres primeiras fins de semana de maio. De feito, durante o certame tamén se contará coa animación musical da charanga local Galiza Sound Machine.